Causa Galiza presentará o próximo 18 de decembro no pazo da Cultura de Pontevedra ás 17h o Acordo Democrático Nacional (ADN) frente á reforma do actual Estatuto de Autonomía que se acometerá nesta lexislatura por parte dos tres partidos constitucionalistas. O acto a celebrar no Pazo da Cultura da cidade do Lérez concébese como a “posta ao día” e o desenvolvemento das posicións soberanistas históricas. O documento concreta a reivindicación dun novo marco xurídico-político democrático para Galiza que pivote sobre o recoñecemento do noso dereito de autodeterminación e o seu exercicio “sen límites”, segundo recolle a proposta orixinal.
O presentación do documento é o primeiro paso na liña de traballo a desenvolver nos próximos meses que consistirá no diálogo con distintos axentes sociais, sindicais e políticos nacionais e locais para dar a coñecer a proposta e enriquecela coas súas achegas, de modo que a táboa reivindicativa obteña progresivamente o aval de importantes sectores populares, para alén de servir como alternativa á segunda fraude estatutaria en xestación. Así, Causa Galiza quere concretar puntos irrenunciábeis para a aceptación dun novo marco xurídico-político por parte do soberanismo galego e as liñas vermellas que definirán a denuncia colectiva de calquera futura reforma estatutaria.
O acto deseñado para 18‑D pretende escenificar ademáis a necesidade de rematar cun ciclo político de 30 anos caracterizado pola imposición antidemocrática da Constitución española de 1978 e o Estatuto de Autonomía. Un ciclo marcado a lume na nosa Historia con retrocesos máis que significativos que se traducen entre outros aspectos na xeneralización do desemprego e a precariedade, a expansión da exclusión social, a decapitación progresiva de todos os nosos sectores produtivos, o asalto capitalista ao noso territorio e os recursos, ou a colocación da nosa lingua e a identidade colectivas nunha situación de máxima gravidade.
Oito Puntos
En Ponte Vedra, transmitiremos a necesidade de abrir entre todas e todos unha nova etapa de acumulación de forzas en favor do recoñecemento e o exercicio pleno do dereito de autodeterminación como médula da estratexia que permita ao País superar a dependencia, o espolio e o bloqueo do futuro. Os Oito Puntos a apresentar na ribeira do Lérez sintetizan necesidades básicas do País, así como as principais esixencias que os sectores soberanistas e independentistas mantemos desde a Transición no plano xurídico-político, laboral, socioeconómico, identitario e ambiental. A presentación virá arroupada por diversas intervencións que comunicaremos nestes días a través desta páxina web.
A lenda que preside a xornada é Despois de trinta anos de fraude estatutaria, a alternativa segue a ser Autodeterminación. A partir desta fin de semana, as asembleas comarcais de Causa Galiza comezarán unha campaña informativa para activar a mobilización de axentes sociais, sindicais e políticos, así como de centos de persoas a título individual para o acto a celebrar en Pontevedra que pretendemos sexa a denuncia do esgotamento definitivo do estatutismo con España e anuncie novos procesos de acumulación de forzas soberanistas como requisito imprescindíbel para abrirmos un novo ciclo para Galiza e a maioría social do noso pobo.