4 de Novembro de 2010
Desde as oito da tarde centos de persoas convocadas pola plataforma Eu non te espero xuntábanse na Alameda de Compostela, onde un cordón policial impedía a saída da manifestación. As convocantes denunciaron a falta de liberdade de expresión que existe desde hai máis dunha semana por mor da visita do Papa, Benedicto XVI, e o silenciamento de todas as iniciativas que se están a levar adiante para rexeitar e manifestar a oposición das mulleres e da cidadania en xeral de Compostela contra o gasto público nesta visita, asi como en contra da visita do máximo xefe do Estado Vaticano, contra quen foi presentada denuncia estes dias nos Xulgados de Guarda en Compostela.
Pouco despois das nove e media da noite, despois da lectura dun manifesto, deuse por rematada a mobilización, e a xente que cruzaba o paso de peóns da Alameda comezou a berrar «Estado Policial Visita papal», ou «Nós non te esperamos», polo que os numerosos antidisturbios, indignados diante de que houbera quen continuara a berrar proclamas anti-clericais fora do seu cordón policial, cargou con brutalidade xa na Porta Faxeira. As cargas continuaron desde este primeiro ponto até a Praza de Galiza, e logo máis adiante na rúa de San Pedro, ou noutros pontos da cidade. Furgóns policiais ás presas dun lado para outro: unha cidade máis que sitiada e violentada.
Un dos nosos compañeiros de Galiza Contrainfo, que se encontraba cubrindo esta mobilización, foi sinalado polos «antidisturbios» e ao pasar a Praza de Galiza foi empurado a unha ruela sen saída, onde entre tres policias lle bateron, nas pernas e na camara, rematando cun «yo a ti te veo en todas».
Queremos desde Galiza Contrainfo somarnos ás denuncias que desde a Rede Feminista Galega, desde a iniciativa Eu non te espero, realizan nestes dias do control policial, do abuso de poder e da falta de liberdade de expresión que hai no noso país, pola visita de Benedicto XVI, e non só.
E ainda que nos sinalen, nos continúen a multar, ou mesmo estexan fartos de «vernos en todas» continuaremos a gravar, fotografiar e dar conta do que eles queren calar.
Deixamos aqui tamén unha reportaxe fotográfica das bandeiras e o ambiente de rexeitamento a Ratzinger da cidade de Compostela, e un dos mancados pola Policia nestas cargas, aqui.
Galiza Contrainfo