4 de Novembro de 2010
Desde as oito da tarde centos de persoas convocadas pola plataforma Eu non te espero xuntábanse na Alameda de Compostela, onde un cordón policial impedía a saída da manifestación. As convocantes denunciaron a falta de liberdade de expresión que existe desde hai máis dunha semana por mor da visita do Papa, Benedicto XVI, e o silenciamento de todas as iniciativas que se están a levar adiante para rexeitar e manifestar a oposición das mulleres e da cidadania en xeral de Compostela contra o gasto público nesta visita, asi como en contra da visita do máximo xefe do Estado Vaticano, contra quen foi presentada ![]()
denuncia estes dias nos Xulgados de Guarda en Compostela.
Pouco despois das nove e media da noite, despois da lectura dun manifesto, deuse por rematada a mobilización, e a xente que cruzaba o paso de peóns da Alameda comezou a berrar «Estado Policial Visita papal», ou «Nós non te esperamos», polo que os numerosos antidisturbios, indignados diante de que houbera quen continuara a berrar proclamas anti-clericais fora do seu cordón policial, cargou con brutalidade xa na Porta Faxeira. As cargas continuaron desde este primeiro ponto até a Praza de Galiza, e logo máis adiante na rúa de San Pedro, ou noutros pontos da cidade. Furgóns policiais ás presas dun lado para outro: unha cidade máis que sitiada e violentada.
Un dos nosos compañeiros de Galiza Contrainfo, que se encontraba cubrindo esta mobilización, foi sinalado polos «antidisturbios» e ao pasar a Praza de Galiza foi empurado a unha ruela sen saída, onde entre tres policias lle bateron, nas pernas e na camara, rematando cun «yo a ti te veo en todas».
Queremos desde Galiza Contrainfo somarnos ás denuncias que desde a Rede Feminista Galega, desde a iniciativa Eu non te espero, realizan nestes dias do control policial, do abuso de poder e da falta de liberdade de expresión que hai no noso país, pola visita de Benedicto XVI, e non só.
E ainda que nos sinalen, nos continúen a multar, ou mesmo estexan fartos de «vernos en todas» continuaremos a gravar, fotografiar e dar conta do que eles queren calar.
Deixamos aqui tamén unha reportaxe fotográfica das bandeiras e o ambiente de rexeitamento a Ratzinger da cidade de Compostela, e un dos mancados pola Policia nestas cargas, ![]()
aqui.
Galiza Contrainfo
